En Arquivos de Son tamén falamos crioulo. Nha Sentimento -Meu Sentimento- é o nome do novo álbum da diva dos pés descalzo, Cezi para as que nos atrevemos a tratala cun pouco máis de confianza.

Mundialmente coñecida polo tema Sodade , a musa da morna e natural do Mindelo regresa aos palcos con cigarro en man e 14 novos temas que conseguen levar a morabeza do Cabo Verde ao corazón de quen a escoita, sentimento que, ao igual que a morriña ou saudade, é único e inexplicable.

Esta grande muller pode presumir de ser a difusora máis importante da morna, un dos estilos máis propios e auténticos do seu país, un canto profundo e melancólico co que caboverdianas e caboverdianos senten, expresan e narran a súa vida cotiá mostrando que non sempre o tiveron tan fácil.

Con 68 anos, trece discos ás súas costas e recuperada dunha grave enfermidade cerebral meses atrás, continua apegada a un modo de cantar ligado á tradición pero misturado desta vez coas cordas exipcias da Orquestra do Cairo e o acordeón colombiano de Henry Ortíz. Ademáis, o cantautor Luís Pastor compuxo especialmente para este álbum o tema Verde Cabo di nhas odjos (Cabo Verde dos meus ollos).

Nha Sentimento foi gravado na Primavera entre o Mindelo e París e, a diferencia dos anteriores traballos, neste disco predominan as coladeras (outro xénero musical particular do Cabo Verde) en vez da famosa morna. Está á venda no noso país dende Outubro e Ligereza é o primeiro sencillo -para a redactora o mellor tema de todos-.

Viva Cezi.



0 comentarios:

Publicar un comentario